Previa da xornada do 9 e 10 de Xaneiro de 2016

Cartel 9-10 xaneiro 2016Rematado o parón navideño, os equipos en liza da A.D. Xiria voltan a competición este vindeiro fin de semana.

Comezan os encontros o sábado co enfrontamento das cadetes do Hierros Varela Urbieta Xiria na casa do Santa María do Mar coruñés. O equipo dirixido por Luis Outeiro parte como favorito despois de gañar os dous encontros anteriores contra o seu rival do sábado, con certa solvencia. O encontro disputarase no pavillón do colexio coruñés o sábado ás 12:00 h.

A xornada do domingo abrirase co encontro xuvenil entre as locais do Gestiber Xiria e o Club Voleibol Atlético Boiro, estando os dous equipos empatados a trece puntos na táboa clasificatoria. As xogadoras de Beatriz Souto e Loreto Tarrío deberán saír moi concentradas e mostrar o seu mellor xogo para ter opcións ante este rival directo. O encontro xogarase no Pavillón Municipal Vila de Noia en Carballo ás 10:30 h do domingo.

Unha vez rematado o encontro de categoría xuvenil no P.M. Vila de Noia, saltará á cancha o equipo senior do Asesoría Cervantes Xiria (12:30 h) que se enfrontará ante o sexto clasificado cun punto mais cas carballesas, o Calasancias (A Coruña). As xogadoras de Asier García de Dios esperan ratificar a melloría no xogo das últimas xornadas e tratar de anotarse o tres puntos en liza nun encontro complicado despois do parón navideño.