Neste momento estás a ver Sétima edición do Torneo Volei Praia Concello de Carballo

Sétima edición do Torneo Volei Praia Concello de Carballo

  • Autor da entrada:

1891391_249184738626170_5690818218940706354_oAs catro pistas da Explanada de Razo acollen o domingo 10 de agosto a partir das 11.00 horas a celebración da sétima edición do VII Torneo-Foliada de Volei Praia Concello de Carballo. A organización, que mantén a inscrición aberta até o venres 8 de agosto a última hora, espera que se supere a participación do ano pasado, cifrada en 148 xogadores e xogadoras. Rosalino Mariño, da Asociación de Volei Praia Costa da Morte, subliña que a actividade das Escolas de Volei Praia ten sido moi elevada no que vai de verán, xa que “moita xente vai única e exclusivamente á Explanada para xogar ao volei”, o que tamén contribúe ao éxito do torneo. Respecto das modalidades da cita son Super80, Sénior, Sub15 e Supermini en categorías masculina, feminina e mixta e Mariño asegura que estarán presentes “as mellores parellas de Galicia”, chegadas moitas da Coruña, pero tamén de Pontevedra e, por suposto, de Carballo. A actividade deportiva compleméntase coa degustación dunha paella para 100 persoas, o reparto de bolos preñados por cortesía de Panadería Roiser e con actividades lúdicas como tiro da corda, lanzamento de globos de auga ou lanzamento de pedras, xogos que reforzan o carácter familiar do torneo. Os interesad@s en anotarse poden aínda obter máis info en Facebook ou formalizar a inscrición no enderezo electrónico <ros25volei@yahoo.es> ou no teléfono 606 400 858.

Rosalino Mariño espera que, como en anos anteriores toda a actividade de volei praia desenvolvida na Esplanada contribúa a crear afeccionados e a que “a xente continúe practicando este deporte en pista” durante o inverno a través dos equipos do Volei Xiria. O Concelleiro de Deporte, Marcos Trigo, quixo resaltar que “un ano máis o volei en Razo é un éxito” coas pistas cheas case cada día. Para Trigo, isto amosa que “Razo é unha praia viva á que tamén se vai a gozar do deporte”, e xa “non só polo surf, senón tamén co volei” coa presenza de “xente incluso de fóra de Galicia” no torneo. O concelleiro quixo tamén salientar o carácter familiar do torneo “moi acolledor” creando un día que adoita a ser “emotivo e bonito”. Está previsto que o torneo dure aproximadamente ata as 20.00 horas. Os interesados e interesadas poden descargar o cartel anunciador das citas de volei do verán en pdf mesta mesma nova.