Presentado no Concello de Carballo o Calendario Xiria Volei 2015

As categorías inferiores son as protagonistas do calendario do Xiria Volei, presentado hoxe no Concello de Carballo

Con moita expectación foi presentado no Concello de Carballo o calendario do Xiria Volei para o 2015. Non era para menos, xa que as intensas sesións fotográficas que se levaron a cabo nas últimas semanas nos establecementos colaboradores espertaron a curiosidade de boa parte da cidadanía. Pero o segredo quedou desvelado hoxe, nun acto ao que asistiron o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero; o concelleiro de Deportes, Marcos Trigo, e Rosalino Mariño e Bea Souto, en nome do club. Tamén asistiron representantes das diferentes empresas que participaron no traballo de elaboración do calendario: Diego Iglesias e Óscar Vázquez, de DonCLIC; a fotógrafa Mónica Noya; Nanny Mouro, de Mamá Lola Studios, e Cristina Abelleira, de Comunicar. Todos coincidiron en destacar a calidade do calendario, que, como apuntou Rosalino Mariño, axudará a sufragar a actividade de Xiria Volei.

A entidade aposta por esta iniciativa por terceiro ano consecutivo. A acollida do calendario resulta tan boa, que cada ano aumenta a tirada. Nesta ocasión duplícase con respecto ao 2014, cun total de 2.000 exemplares que estarán á venda nas 12 empresas colaboradoras e este domingo, ademais, nun stand que instalará Xiria Volei na rúa Coruña, aproveitando a celebración da feira. Rosalino Mariño destacou que serán as propias xogadoras as que se ocuparán das vendas, e animou a todas as persoas interesadas a darse présa para conseguir o seu exemplar antes de que se esgoten. O prezo mantense nos 5 euros dos anos anteriores.

SAMSUNG CAMERA PICTURESAínda que foron moitas as persoas que participaron no proxecto, as auténticas protagonistas son as xogadoras (e dous xogadores) das categorías inferiores, que demostraron grandes dotes coma modelos, como queda demostrado nas imaxes que ilustran o calendario. O club agradeceu especialmente, ademais, a boa disposición dos 12 establecementos colaboradores: Opticalia Enríquez, Multiópticas Americana, General Óptica, DonCLIC, Rega Morales, Rosyan, Deportes San Remo, Zocas, Teirón, Peluquería Mª Luz, Calzados Lolita Anido e Coco Moda.


Este ano o calendario, que mantén una edición moi coidada, ofrece varias novidades. Nas dúas primeiras páxinas, por exemplo, fai un pequeno percorrido histórico-fotográfico polos 32 anos de traxectoria do club. Unha das imaxes, como lembrou o alcalde de Carballo, que foi un dos membros fundadores de Xiria, corresponde ao primeiro equipo que tivo a agrupación deportiva, e que foi, precisamente, de voleibol. Por outra banda, nas páxinas centrais inclúese un póster ilustrado coa imaxe de todos os xogador@s desta tempara e un calendario anual, e xusto a continuación hai fotos das sete categorías coas que conta o Xiria Volei.

 

Video do Making Of do Calendario: