Este sábado terá lugar no Pavillón Manuel Coto Ferreiro, en A Estrada, a Fase Final do Campionato Galego. O Xiria Calvo Volei é un dos catro equipos que loitarán por alzarse co título e mellorar o subcampionato acadado na pasada tempada. Con este motivo, aproveitamos para facerlle unha pequena entrevista ao noso capitán, Cristian Rancaño, para que valore a actuación do equipo ata o momento.
O resultado na clasificación de liga amosou a superioridade do CV Oleiros, que rematou primeiro de liga, seguido por Xabaríns Volei, como segundo clasificado. O terceiro posto ocupouno o Xiria Calvo, cerrando a clasificación á Fase Final o CV Vigo.
Desta forma, xogaranse ás 12h da mañá no Pavillón Manuel Coto Ferreiro as semifinais, cos enfrontamentos entre CV Oleiros e CV Vigo, por unha banda, e Xabaríns Volei e Xiria Calvo Volei, por outra. Pola tarde terá lugar ás 17h a loita polo bronce e ás 19h a gran final, na que desexamos que se atopen os nosos.
Falamos con Cristian Rancaño, capitán do noso equipo senior masculino, que responderá a unha serie de preguntas.
– Poderías facer un balance dos resultados obtidos na liga regular?
O noso principal obxectivo era clasificarnos no campionato galego así que o balance xeral foi bo. É certo que deixamos caer puntos moi importantes en partidos máis asequibles para intentar ser campións de liga, pero douselle minutos de xogo a todolos xogadores, tanto os que tiñan máis experiencia como os que non, e eso vainos axudar a medrar nun futuro.
– Que podemos esperar dos equipos participantes nesta Fase Final do Campionato Galego?
Considero que os equipos clasificados son perigosos a partido único. Todos teñen os seus puntos fortes que de seguro van a explotar de cara a este finde e non nos podemos fiar de ningún, temos que ir con todo para intentar que eles non estén cómodos e tarden en entrar anímicamente no partido.
– Cal é o obxectivo que debe perseguir o Xiria Calvo Volei de cara a esta competición?
O noso principal obxectivo é gañar o campionato, non hai dúbida. Cabe mencionar que dada a clasificación final temos que gañar se queremos ter acceso á fase de ascenso e igualar o que se acadou a tempada pasada, eso sería estupendo pero non vai ser nada doado.

