Domingo 10 de Abril de 2016 – 11:45 h
P.M. Paco Paz (Ourense)
Caldaria VoleyOurense – Asesoría Cervantes Xiria
3 – 0 (25-14/25-22/25-18)
O Asesoría Cervantes Xiria finaliza segundo de grupo a 2ª Fase da 1ª División Autonómica Senior. As carballesas xogarán o fin de semana do 23 de Abril a final a catro onde se enfrontarán nas semifinais ó CV Bruxas. A outra semifinal a disputará o Caldaria VoleyOurense e o Calasancias Coruña. A sede desta fase final aínda está por determinar, unha vez que esta semana finalice o prazo para que os diferentes clubes soliciten a súa organización.
O pasado domingo o Asesoría Cervantes e o Caldaria VoleyOurense xogaban para decidir cal pasaría de 1º de grupo e cal de 2º, unha vez que xa sabían dende hai dúas xornadas que estaban clasificados para a loita polo título. O encontro non tivo moita historia, xa que un Xiria moi desdebuxado fixo acto de presenza en Ourense. O saque local fixo moito dano á recepción das carballesas que ademais sumaron moitos erros non forzados, que non lles permitiron entrar na pugna pola victoria en ningún momento do encontro.
No Asesoría Cervantes Xiria xogaron: 1. Noya, 3. González, 5. Aldana, 7. García, 13. Souto, 14. Tarrío, 15. Rodríguez e 16. Fernández (líbero).
Agora toca reflexionar sobre o acaecido, e axustar o xogo para afrontar a final a catro con moita ilusión e tranquilidade. Cabe recordar que o equipo ascendeu de categoría a pasada tempada, e despois duns inicios de tempada moi complicados onde remataron a primeira volta da liga regular de penúltimas, con moito sacrificio lograron meterse entre as seis primeiras in extremis o final da 1ª fase. Despois desta melloría moi traballada, a clasificación para a final a catro chegou relativamente pronto ó gañar os dous encontros ante o Autos Cancela Zalaeta. O equipo carballés está cumplindo con creces os obxectivos da tempada, logrando a permanenza xa na primeira fase despois de acabala entre os seis primeiros, e xa saben que mínimo serán cuartas na máxima categoría autonómica senior.
Sábado 9 de Abril de 2016 – 12:00 h
P.M. Carballo Calero (Carballo)
Gestiber Xiria – CV Pontevedra Diario de Pontevedra
3 – 1 (25-12/25-14/20-25/25-12)
O Gestiber Xiria logrou a permanenza na 2ª División Autonómica Xuvenil para a vindeira tempada, tras derrotar o CV Pontevedra Diario de Pontevedra. As carballesas necesitaban unha victoria, para non depender de resultados alleos, e así foi. Despois dunha tempada complicada as carballesas mostraron a súa mellor faciana na recta final da competición que lles valiu a permanenza. Agora tócalles axudar ó equipo senior na preparación da final a catro.
Sábado 9 de Abril de 2016 – 16:15 h
Casa do Deporte (Lugo)
Voleipraia Lugo – Hierros Varela Urbieta Xiria
3 – 2 (25-21/28-30/22-25/25-12/15-10)
Último encontro da 2ª fase da 3ª División Autonómica Cadete, onde as carballesas a piques estiveron de lograr a súa primeira victoria na fase, nun gran encontro.
A pesar de comezar perdendo, o Hierros Varela Urbieta Xiria sacou a súa garra para seguir no encontro. Despois de perder o primeiro xogo, que puido caer de calquer lado, as carballesas chegaron por diante ó final do segundo set, pero desperdiciaron a vantaxe. A partir de eiquí sucedéronse cambios continuos e ámbolos dous conxuntos tiveron ocasións de anotarse o xogo, pero a tenacidade das carballesas propiciou que o set caese do seu lado cun espectacular tanteo de 28-30. Despois do esforzo acometido polos dous equipos e a tensión vivida, o xogo continuou ca mesma igualdade que no resto do encontro, pero as xogadoras de Outeiro conseguiron manter a vantaxe lograda para anotarse o set e poñerse por diante no electrónico. O cuarto set comezou cun gran xogo do Xiria, que tomou seis puntos de vantaxe nada mais entrar na cancha, deixando descolocado ó equipo rival. Neste intre as carballesas desperdiciaron o conseguido, cun gran número de erros non forzados dándolle un respiro ó Voleipraia Lugo, que tomou a directa e doulle a volta ó marcador de forma contundente, mentras as verdinegras saíanse completamente do encontro e sumaban erro tras erro. Xa no derradeiro set, ningún dos equipos quería perder de vista ó rival, pero os erros non forzados e a desconcentración nas filas do Xiria permitiu ás de Lugo tomar vantaxe e sumar a victoria.
Competición Infantil – Xogade Deporte Escolar
O Hierros Varela Urbieta Xiria de categoría infantil, finalizou a competición cos dous últimos encontros que lle faltaban por disputar.
No primeiro encontro da mañán as carballesas enfrontaronse ante un gran rival, o Liceo coruñés. As verdinegras non tiveron opcións ante un dos mellores equipos da competición. Aínda así, mostraron o seu bo facer e unha gran evolución dende o comezo da tempada.
A segunda oportunidade, escapouselles polos pelos ante o Calasancias coruñés. Nun encontro no que caeron por 2-1 cuns parciais moi axustados, no que so algúns erros quitáronlles a victoria das mans. Moi bo xogo o amosado para finalizar a competición.
Pola súa banda o Almacenes Agro Xiria da mesma categoría, descansou a falta de dous encontros para concluir a fase regular e mantense invicto.
A finais de maio coñecerase a clasificación final e se algún dos nosos equipos se clasifica para as finais provincias.
Competición Alevín – Xogade Deporte Escolar
As alevíns do Hierros Varela Urbieta Xiria continúan a competición que seguirá ata finais de maio. O sábado caeron ante o Calasancias Coruña por 2-0. As coruñesas non deron opcións ás xogadoras de Carballo. A semana que ven toca descanso, para voltar o día 23 á competición.