Comeza a competición cadete para o Almacenes Agro Xiria

cartel-encontros-12-13-novembro-2016

Este sábado debuta na competición federada o Almacenes Agro Xiria de categoría cadete. As senior do Asesoría Cervantes Xiria teñen xornada de descanso e o Gestiber Xiria xuvenil recibe ao líder da competición.

O sábado de volei iníciase ás 12h no P.M. Carballo Calero, onde as rapazas do Gestiber Xiria esperan ao líder e gran favorito para o ascenso, o Fisioterapia Cinesia Noia que non coñece a derrota polo momento. As carballesas tratarán de amosar unha mellor faciana ante este duro rival despois dun encontro regular a pasada semana ante o outro gran favorito para o ascenso. O equipo carballés deberá centrarse en elevar o seu rendemento de xogo mais que no resultado, como preparación para os seguintes encontros que serán de suma importancia para o devenir da competición.

Xa pola tarde no P.M. Vila de Noia, ás 16h saltarán á cancha as xogadoras cadetes do Almacenes Agro Xiria que farán o seu debut nesta tempada ante o Club Voleibol Bruxas. Nesta 1ª Fase o equipo deberá enfrontarse ademais ao Voleibol Dumbría. O primeiro de grupo nesta fase obterá a praza que posibilitará entrar na loita polo ascenso á 2ª División Autonómica Cadete Feminina.