Bo fin de semana para o Xiria Volei que se saldou con dúas victorias e unha derrota pola mínima.
Os encontros arrancaban o sábado ca victoria no seu debut en liga do Xiria Volei de 3ª División Autonómica Cadete. As pupilas de Luis Outeiro, trouxeron unha victoria de A Coruña, tras vencer por 1-3 (10-25 / 12-25 / 25-23 / 18-25) ao Santa María do Mar. Un partido con altibaixos debido a ser o primeiro nesta tempada dun equipo moi xoven que seguro daranos moitas alegrías este ano.
En Carballo, en tanto comezaba o partido xuvenil, onde o Gestiber Xiria plantoulle cara a un moi completo As Mariñas Oleiros. As carballesas conseguiron adiantarse 2-1 no marcador e despois de ceder no cuarto set por tan so 5 puntos de diferenza, deixaron escapar o partido no último xogo do encontro. A pesar da derrota, o equipo xogou a un moi bo nivel, demostrando unha gran melloría no seu xogo, gracias á aportación individual de cada unha das xogadoras que se amosaron moi concentradas en todo momento.
O domingo o equipo senior recibía na casa ao Zalaeta de A Coruña. As do instituto reforzáronse para o partido con unha xogadora de Superliga 2, ante as baixas de varias xogadoras que tiveron que ir a xogar outro encontro correspondente á categoría xuvenil.
O encontro comezou cun Xiria moi agresivo e concentrado no xogo, e sen cometer erros, o que levou ás carballesas a lograr o primeiro set por un contundente 25-7. A partir do segundo set o Zalaeta comezou de cero, e subiu o nivel en recepción o que se notou no marcador, aínda así o set caería de novo do lado do Asesoría Cervantes por 25-19. No derradeiro set, o Zalaeta pronto cobrouse varios puntos de ventaxa debido a erros do Xiria, pero estos quedaron en nada tras recuperar as locais o seu xogo. Ao final do partido as carballesas volveron a pisar o acelerador conseguindo marcharse no marcador ata pechar o encontro por un 25-20.