Fin de semana viaxeiro para o Xiria Volei, xa que tódolos equipos en competición xogan fóra. As senior do Asesoría Cervantes Xiria desprázanse o sábado ata Ourense para loitar pola victoria fronte a un rival directo o Dompa Gestión, que precede ás carballesas na clasificación cun punto mais. As xogadoras de García de Dios xóganse neste partido gran parte das súas opcións para poder optar a algo mais na liga e non descolgarse dos postos medios da clasificación. Encontro complicado xa que o equipo sigue con varias baixas por lesión e traballo, que impide ó adestrador contar co plantel ó completo, algo que por desgracia e a tónica habitual nesta tempada.
Unhas horas antes as xuvenís do Gestiber Xiria xogan en Vigo contra o Club Voleibol Vigo, nun encontro que dependerá da intensidade e do carácter que sexan capaces as carballesas de amosar na cancha. Espérase que se non se alonga de mais o encontro, algunha das xuvenís poidan marchar a Ourense para completar o plantel senior.
Un día despois as cadetes do Hierros Varela Urbieta Xiria xogan en Narón contra o Podoloxía Esteiro-Narón Volea, equipo invicto e o único que foi capaz de doblegar polo de agora ó equipo carballés. As xogadoras van moi ilusionadas e con ganas de vencer na cancha do seu rival directo para igualarse na clasificación.