Toca viaxar: 4ª xornada das 1ª e 2ª divisións autonómicas

cartel-encontros-29-de-outubro-2016

Fin de semana de viaxes para o Xiria Volei, no que os dous equipos que xa comezaron as súas competicións terán que xogar coma visitantes.

O Asesoría Cervantes Xiria visita Cambados na 4ª xornada da 1ª Fase da 1ª División Autonómica Senior Feminina. O equipo local, o XAV Cambados está empatado a puntos co equipo carballés, pero as carballesas ocupan a 7ª praza na táboa, un posto mais co seu rival desta xornada debido ao mellor coeficiente.

O XAV Cambados é un equipo recén ascendido, pero con moita historia nesta categoría, e dende as filas do Xiria espérase un encontro moi duro, xa que a pesar de descoñecer o plantel que presentarán as locais, os equipos do XAV Cambados sempre se caracterizan polo seu carácter aguerrido e loitador. O equipo técnico carballés, terá problemas para confeccionar o plantel que viaxará a Cambados debido as baixas que está a sufrir o equipo durante estes inicios ligueiros, aínda así espera poder contar con 8-9 xogadoras cas que poder plantar cara ás cambadesas, e por que non, sumar a primeira victoria da tempada.

Con moito ánimo viaxará o sábado o Gestiber Xiria da 2ª División Autonómica Xuvenil Feminina, despois de gañar na última xornada. As carballesas visitarán ao Mexillón de Ouro Voleibol Rianxo, nun encontro no que se espera a confirmación da evolución das xogadoras mais novas á categoría, e na procura dunha nova victoria.

Os equipos están empatados a puntos na 6ª e 7ª posición da táboa clasificatoria, aínda que neste caso o equipo rianxeiro sitúase por enriba do Xiria polo mellor coeficiente.