O Gestiber Xiria consegue a primeira victoria e o Asesoría Cervantes Xiria non pode co líder

marcador-asesoria-ourense-xornada-3

O Asesoría Cervantes Xiria recibiu onte ao líder e actual campión o Caldaria VoleyOurense. O encontro correspondente á 3ª xornada da 1ª División Autonómica Senior Feminina comezou con retraso debido a duración do anterior encontro.

Os dous equipos presentábanse con baixas, as verdinegras sumaron as baixas de Rodríguez S. e Ponte por lesión e enfermidade as xa habidas, pero debutaron Ennes e González P. no seu primeiro encontro ca elástica carballesa.

As visitantes tomaron vantaxe dende os inicios do encontro pero as locais conseguiron manterse a pouca distancia, que conseguiron consolidar na recta final do xogo para anotarse o primeiro parcial.

Os cambios no equipo carballés no segundo xogo surtiron efecto e xa nos comezos o saque  marcou a diferenza a favor do Xiria pero pronto as de Ourense conseguiron remontar e nunha moi mala rotación das locais sumaron dez puntos consecutivos. Cunha gran diferenza no electrónico a favor das visitantes o Asesoría comezou de novo a puntuar pero non foi suficiente para conseguir a remontada.

Dende o inicio ao fin o Caldaria marcou os tempos do último xogo, tomando distancia dende os primeiros compases. O equipo ourensán moi ben colocado en defensa desesperou a un Xiria que tiña moitas dificultades para culminar os puntos, sumado aos erros non forzados, o que foi determinante para a conclusión do encontro.

Asesoría Cervantes Xiria: 1. Noya, 3. González L., 4. Castro, 6. Soto, 7. García, 8. Rodríguez P., 9. Caamaño, 12. González P., 13. Souto e 18. Ennes.

marcador-gestiber-asesores-vila-xornada-3

Primeira victoria da tempada para as xogadoras do Gestiber Xiria nun encontro igualado onde as carballesas mantiveron a tensión en todo momento para levarse o encontro. O xogo das verdinegras gañou enteiros neste encontro onde a xuventude do equipo comeza a deixar atrás os medos e os nervos que atenazaron o xogo nas primeiras xornadas, para mostrar a un equipo combativo e que non se rende.

As xogadoras de Bea Souto tiveron que remontar despois de amosar o seu bo facer no primeiro xogo do encontro, que non foi suficiente caendo pola mínima nel. A partir de eiquí, foi onde o equipo mostrou todo o seu carácter para impoñerse nos seguintes xogos, ante un moi combativo Asesores Vila Castro ourensán que non daba por perdido un punto. Moita igualdade no marcador durante todo o encontro, pero a seriedade e a concentración no xogo das carballesas levounas a conseguir a primeira victoria da tempada cun xogo moi sólido.

Gestiber Xiria: 1. Aldana, 5. Fernández, 6. Souto, 7. Sueiro, 8. Mato R., 9. García, 11. Méndez, 12. Mato M., 15. Ramos, 16. Barca e 18. Varela (líbero)